O proxecto Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA) acaba de publicar a versión número 20 da súa base de datos textual. Este proxecto está dirixido polo Catedrático de Filoloxía Latina da USC Xosé Carracedo Fraga e desenvólvese desde hai case 30 anos no marco dun convenio entre a USC e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
A base de datos actualízase anualmente con documentación medieval en lingua latina relacionada con Galicia comprendida entre o século VI e o século XV, ambos os dous inclusive. O recurso informático no que está dispoñible en aberto esa documentación (https://corpus.cirp.es/codolga) permite realizar buscas de calquera palabra ou conxunto de palabras segundo diversos criterios, o que fai deste corpus textual unha ferramenta fundamental de busca de información para a docencia e a investigación de diversa índole sobre a Galicia medieval: lingüística, literaria, histórica, cultural ou sociolóxica. Nesta nova versión están xa incluídos 20.320 textos documentais.
O proxecto CODOLGA forma parte da rede colaborativa que engloba os distintos proxectos da Península Ibérica dedicados a traballar cos textos documentais medievais en lingua latina dos respectivos territorios. Esa rede ten por nome Corpus Documentale Latinum Hispaniarum (CODOLHISP) e está recoñecida polo Ministerio de Ciencia e Innovación como rede de investigación de excelencia. Un froito dese traballo colaborativo é outro recurso que permite consultas e buscas combinadas nos respectivos corpora documentalia (http://codolhisp.imf.csic.es/codolhisp/).
Ademais, este ano o proxecto CODOLGA puxo tamén en acceso aberto a primeira versión do novo recurso Fontes Textuais da Galicia Medieval (FONTEGAM; https://corpus.cirp.gal/fontegam). Este novo recurso é o resultado da coordinación e colaboración entre CODOLGA e o proxecto Corpus Galego-Portugués Antigo (CGPA; http://ilg.usc.gal/cgpa/), dirixido polo profesor de Filoloxía Galega da USC Xavier Varela Barreiro no Instituto da Lingua Galega. O obxectivo é ofrecer unha ferramenta que permite a busca conxunta e combinada de información nos respectivos textos latinos e textos romances sobre calquera momento e lugar de Galicia na Idade Media