José María Anguita Jaén, profesor titular de Filoloxía Latina en Lugo, acaba de publicar unha ampla e profunda investigación sobre a imaxe da muller cun cranio no seo esculpida no Pórtico de Praterías da Catedral de Santiago de Compostela (ca. 1100), que xa é mencionada no Liber Sancti Iacobi e cuxo significado segue fascinando na actualidade, pois deu pé a múltiples interpretacións.
O artigo, contribución á homenaxe do cóengo arquiveiro José María Díaz Fernández, é accesible en liña: Niveles de lectura y paralelos literarios de la Mulier adulterata (Liber Sancti Iacobi 5,9) del Pórtico de Platerías: Ruodlieb y el Cuento de los tres consejos (ATU 910B).
Neste traballo, o estudioso axunta o estudo iconográfico coa análise de fontes. Explica en primeiro lugar a imaxe dunha muller cun cranio como unha figura cuxos diversos significados, sinalados pola crítica, poden coexistir sen violencia se llos sitúa en distintos planos de lectura (anagóxico, tropolóxico, literal).
En segundo lugar, o traballo céntrase no argumento ao redor desta figura á que o Liber sancti Iacobi interpreta como una adúltera castigada. Entre os textos, máis ou menos contemporáneos onde tamén comparece este motivo, destácase o Ruodlieb (s. XI), por ser a peza que leva á posible fonte do motivo, un relato perdido na súa forma escrita pero que deu lugar a múltiples variantes orais, recollidas baixo o nome moderno de Conto dos Tres Consellos (ATU 910B)
Polo seu tema e polas datas involucradas, este relato puido xerarse xa no século XI en ambientes involucrados na reforma gregoriana preocupados por como sobre o matrimonio pesaba ata a data un dereito consuetudinario que permitía situacións como a representada no Pórtico de Praterías.