O profesor Varela Rodríguez vén de publicar na editorial Brepols (Corpus Christianorum. Continuatio Medievalis 70A) o estudo e a edición crítica de dúas crónicas en latín dos séculos XI e XII. Trátase, por unha banda, do Chronicon Iriense, unha crónica anónima de finais do século XI que presenta a historia das dioceses de Iria e Compostela desde a súa fundación no século VI ata o comezo do reinado de Vermudo II de León (ano 985). A crónica non só é importante por ser a primeira crónica da diocese (anterior á Historia Compostellana), senón tamén polo feito de ser a primeira crónica episcopal escrita na Península Ibérica.
O segundo texto é o Chronicon Compostellanum, unha breve crónica dos reis de Asturias e León desde don Paio ata o comezo do reinado de Afonso VII (ano 1126), que constitúe unha fonte importante, sobre todo, para os reinados de Afonso VI (1065-1109) e da súa filla Urraca (1109-1126). Ambas as crónicas foron escritas en Compostela.
O estudo analiza as fontes dos textos, con bastante profundidade no caso do Chronicon Iriense, xa que esta crónica presenta numerosas alteracións de contido destinadas a defender os intereses da diocese no complexo panorama político de finais do século XI. Tamén se estudan as posibles autorías e datacións dos textos, preséntase un estudo lingüístico e analízase toda a transmisión textual co obxectivo de propoñer unha edición crítica fiable. A edición vai acompañada dun apéndice con notas sobre o contido.
A tradución dos textos ao español, que aínda non existe, publicarase proximamente.