MEVI46_Autori, testi e manoscritti

A editorial SISMEL-Edizioni del Galluzzo acaba de publicar o volume Autori, testi e manoscritti fra la penisola iberica e l’Italia: da Gregorio Magno a Gregorio VII. In ricordo di Manuel Cecilio Díaz y Díaz, que contén diversos traballos coherentes coa metodoloxía e os intereses do prof. Díaz y Díaz, que foi catedrático do Departamento de Latín e Grego da Universidade de Santiago e un dos medievalistas máis destacados de Europa. O libro é o resultado do congreso homónimo que se celebrou na Società Internazionale per lo Studio del Medioevo Latino (Florencia) en marzo de 2024.

Neste volume, José Carracedo Fraga, catedrático de Filoloxía Latina e membro do grupo CLASMED, examina a circulación de textos gramaticais entre Hispania e Italia na Alta Idade Media, empregando como estudo de caso a colección transmitida no manuscrito Paris, Bibliothèque nationale de France, lat. 7530. Este manuscrito, copiado en Montecassino a finais do século VIII, contén unha extensa colección de textos escolares sobre as artes liberais, cun enfoque principal na gramática.

Joel Varela Rodríguez, profesor titular de Filoloxía Latina e tamén membro do grupo CLASMED, publica un estudo sobre a transmisión textual hispánica dos Moralia in Iob de Gregorio Magno (ca. 540–604), unha das obras máis citadas e lidas durante a Idade Media. A análise permite comprobar que os manuscritos hispánicos conteñen unha serie de variantes das que non se tiña noticia (citas bíblicas segundo a Vetus Latina e non a Vulgata, fórmulas cristolóxicas que fóra das igrexas occidentais poderían entenderse en clave nestoriana, etc.) e que, sen dúbida, son variantes de autor e pertencen a un estadio non definitivo do texto de Gregorio Magno. Outras obras deste autor mostran variantes semellantes, o que pode abrir a vía para unha análise máis completa que permita comprender mellor a maneira na que se compuxeron e difundiron as obras gregorianas.

O enlace á publicación, que é de acceso aberto, atópase dispoñible en: https://www.sismel.it/pubblicazioni/2115-autori-testi-e-manoscritti-fra-la-penisola-iberica-e-litalia-da-gregorio-magno-a-gregorio-vii-in-ricordo-di-manuel-cecilio-daz-y-daz