Do 19 ao 21 de abril de 2021 o Instituto de Estudios Medievales y Renacentistas (IEMyR) da Universidade de La Laguna organizou o seu trixésimo terceiro seminario anual, baixo o título «Relato, invención e mentiras na Idade Media e no Renacemento» (pódese ver nesta ligazón), coa intención de indagar o papel e significado de conceptos como «verdade», «mentira», «historia», «fábula» e «argumento» nas mentalidades medievais, e de que maneira artellaron a construción de discursos artísticos, literarios, históricos, lingüísticos e científicos.
Neste contexto, o profesor José María Anguita impartiu unha conferencia titulada «Iofre de Monmouth e Aimerico Picaud: o triunfo de la ficción historiográfica medieval», onde destacou as rechamantes semellanzas que unen a dúas obras contemporáneas dacabalo entre a ficción e a historia: a Historia Karoli Magni escrita baixo o pseudónimo de Turpín de Reims (carto libro do Códice Calixtino) e a Historia regum Britanniae de Iofre de Monmouth. Tras expoñer a hipótese de que ambos os autores estiveron en contacto e coñeceron ben a súas respectivas obras, rematou a súa intervención cunha mostra do tipo de coincidencias que os unen, mostrando como os prólogos das dúas obras están directamente inspirados nos prefacios das novelas ou pseudo-historias troianas De excidio Troiae e Ephemeris belli Troiani, escritas na tarda Antigüidade e postas baixo os nomes ficticios de Dares o Frixio e Dictis de Creta.