
O profesor Ángel Ruiz acaba de publicar na colección Temas de Historia Antigua da Editorial Síntesis un manual, Introducción a la religión griega, que pretende achegar a un público máis amplo unha realidade fundamental na Grecia do pasado e con importantes repercusións na conformación da literatura e a filosofía que moldearon Occidente.
En español contamos actualmente con excelentes obras de referencia, resultado do traballo de investigadores de recoñecido prestixio internacional, e tamén outras monografías fundamentais traducidas. Con todo, son todas dunha extensión moi ampla e en xeral están dirixidas a un público especializado.
Neste traballo fíxose un esforzo de explicar coa maior claridade posible, sen querer ceder á simplificación, a realidade da relixión grega antiga, aínda coa conciencia de que é difícil recuperar a experiencia relixiosa do pasado, moi mediatizada ademais no caso de Grecia polas elaboracións literarias, que son as que en boa medida chegaron ata nós.