De maneira case simultánea apareceron recentemente tres traballos sobre o Códice Calixtino do profesor José María Anguita Jaén.
O primeiro deles («Pictavenses contra Cornubianos: unha polémica literaria con transfondo político entre Jofre de Monmouth e Aimerico Picaud» Revista de Literatura Medieval 35 (2023) 109-136) pon en evidencia o que parece ser un intercambio polémico entre os autores do Liber sancti Iacobi e a De gestis Brittonum, fechable entre 1136 e 1138. A natureza dos escritos mostra que os dous autores compartiron ambientes culturais e que, posiblemente, chegaron a coñecerse persoalmente. Os seus respectivos vínculos con altas personalidades do seu tempo e o estalido en 1135 da guerra dinástica inglesa levarían aos dous autores a enfrontarse literariamente en defensa dos intereses dos seus señores.
O segundo artigo («Entre a Historia e a Ficción: Dictis e Dares como modelos da Historia Karoli Magni (Pseudo-Turpín) e o De Gestis Britonum de Jofre de Monmouth» Cuadernos del CEMYR 32 (2024) 259-285) está en liña estrita co primeiro, pois a partir da idea de que Aimerico Picaud e Jofre de Monmouth coñeceron as súas respectivas obras, pon de manifesto como, de forma simultánea e paralela, ambos conseguiron mimetizarse no contexto historiográfico do seu tempo, mediante un coñecemento perfecto das convencións do xénero; e mediante unhas estratexias de autorización que calcaron do De excidio Troiae de Dares o Frigio e a Ephemeris belli Troiani de Dictis de Creta.
O terceiro traballo («A Vía Aquitana, o Camiño Francés e a fortuna da guía do Codex Calixtinus» El Camino con las huellas del Apóstol. I Congreso Vía Aquitania Camino de Santiago cur. Agustín Rilova Simón, Diputación de Burgos / Diputación de Palencia, Burgos 2023, pp. 99-118) trata sobre a composición e fontes da Guía do Peregrino, así como da súa posición e sentido dentro da compilación calixtina.