Doutora Cabrillana
​O Grupo de Investigación “Estudos clásicos e medievais” (GI 1908) lamenta comunicar o pasamento, o día 27 de xaneiro de 2025, da profesora Concepción Cabrillana, Catedrática de Filoloxía Latina da Universidade de Santiago, que pertenceu desde o principio a este Grupo de Investigación e foi a súa Coordinadora durante varios anos. Destacou pola súa dedicación e o seu apoio a todas as iniciativas que foron xurdindo. Tivo un especial protagonismo como organizadora do 21st International Colloquium on Latin Linguistics, que tivo lugar na Universidade de Santiago do 30 de maio ao 3 de xuño de 2022 e do que publicou as Actas: Recent Trends and Findings in Latin Linguistics (Berlin, De Gruyter, 2024). Desde 2022 formaba parte do International Committee on Latin Linguistics.

Concepción Cabrillana estudou na Universidade de Sevilla, onde se licenciou en 1985 e onde obtivo o doutoramento en 1991.

A súa investigación centrouse na sintaxe, a semántica e a pragmática de diversos tipos de verbos, e en especial nos de estado e existencia; nesa área publicou unha monografía sobre o verbo sum (2010).

Foi Visiting Scholar nas Universidades de Ámsterdam, Oxford (Wolfson College) e Lieja e colaborou en proxectos de investigación internacionais como a New Historical Syntax of Latin (2009-2011). Nos últimos anos dedicouse a examinar tamén diversos aspectos da sintaxe dos casos, a subordinación e a orde de constituíntes en latín.

Outras liñas da súa investigación centráronse na literatura latina (comedia), o latín vulgar e tardío, os escritos latinos de Tomás Moro —campos nos que publicou diversos traballos— e a edición crítica e tradución de textos latinos (Terencio, Tácito, Tomás Moro).

As súas publicacións e outros méritos de investigación atópanse detallados na web da Universidade de Santiago: https://investigacion.usc.gal/investigadores/58489/detalle

O texto de moitos dos seus traballos áchase en Academia: https://usc-es.academia.edu/ConcepciónCabrillana e Researchgate: https://www.researchgate.net/profile/Concepcion_Cabrillana.