Codolga

O proxecto Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA) acaba de publicar unha nova versión da súa base de datos, a número 17 (2020). Este proxecto está dirixido polo profesor Xosé Carracedo Fraga e desenvólvese no marco dun convenio existente entre a USC e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. A base de datos actualízase anualmente con documentación medieval en lingua latina relacionada con Galicia comprendida entre o século VI e o século XV, ambos inclusive. A infraestrutura informática na que se atopa esta documentación (http://corpus.cirp.es/codolga/) permite realizar buscas de calquera palabra ou conxunto de palabras segundo diversos criterios, o que fai deste corpus textual unha ferramenta básica para a docencia e a investigación de diversa índole: lingüística, literaria, histórica, cultural ou sociolóxica.

Nesta nova versión implementouse unha serie de melloras no sistema de buscas e na presentación de resultados e incorporáronse 836 novos documentos ao corpus, que sumados aos das versións precedentes fan un total de 18.624 documentos dispoñibles. Ademais continuouse coa ampliación do apartado de fontes dispersas e inéditas da documentación e historiografía latina medieval con referencias á Gallaecia.

É importante sinalar que o CODOLGA forma parte da rede colaborativa Corpus Documentale Latinum Hispaniarum (CODOLHISP), que engloba proxectos dedicados ao estudo da documentación latina dos antigos reinos da Hispania medieval. Esta interacción deu lugar á creación dunha ferramenta informática (http://codolhisp.imf.csic.es/codolhisp/) que permite buscas conxuntas nos distintos corpora documentalia.