A finalidade deste evento é favorecer o contacto entre estas tres universidades, así como entre os futuros investigadores que se están formando nelas. Á súa vez, grazas a estas xornadas, poderáse asistir aos distintos relatorios que darán a coñecer as liñas de investigación dos diferentes aspirantes a doutores e aos relatorios plenarios que xuntan a un rico elenco de recoñecidos profesores convidados de distintas universidades, como Juan Antonio González Iglesias (USAL), Cándida Ferrero Hernández (UAB), Óscar Prieto Domínguez (USAL), Miguel Ángel Andrés Toledo (USAL) ou Paloma Guijarro Ruano (UCM).
Dentro deste evento, o investigador en formación Manuel Mayo presentará un traballo titulado “Cans do máis alá: gardiáns, psicopompos e seres liminais. Unha aproximación chamánica aos cans na tradición indoeuropea” na que reflexionará sobre a concepción sagrada dos cans na relixión indoeuropea, a través da análise de testemuños textuais e iconográficos de diversas tradicións como a india, a grega, a celta, a xermánico ou a avéstica. Tamén no ámbito indoeuropeo, Benjamín Vidal tratará sobre “As palabras para ‘auga’ nas linguas tocarias”.Ademais, Julia Hombre presentará unha comunicación titulada “Creo que vexo dous soles e unha Tebas dobre. As innovacións da Penteida nas Dionisiacas de Nono de Panópolis”; Pablo Torres Paris exporá “λωτίνοις δροσόεντας ὄχθοις. A caracterización do máis alá no fragmento 95 de Safo” e Elena Garcia Paleo centraranse en: “Vergoña, pudor e segredo: unha aproximación aos conceptos desde a perspectiva da escroloxía ritual”.
No ámbito da literatura en latín, Ainoa García Mella, tratará sobre “Arquetipos das mulleres na literatura romana”.