Rescatando a Helena

A doutora Francisca Gómez Seijo acaba de publicar na prestixiosa editorial alemá De Gruyter Rescatando a Helena. Caracterización de Helena na traxedia homónima de Eurípides, unha monografía sobre ese personaxe na traxedia de Eurípides.

Helena nunca amou a Paris nin fuxiu con el. A guerra de Troia librouse por unha pantasma coa mesma aparencia física que a Helena real. Retida en Exipto por vontade de Zeus, a esposa de Menelao deberá reivindicar ante o seu marido recentemente reencontrado que ela é a Helena auténtica, ben distinta da pantasma que o heroe se trouxo consigo de Troia. Transcendendo a dialéctica entre aparencia e realidade, Eurípides logrou dotar a esta nova Helena dunha intelixibilidade humana artisticamente integrada no propio texto dramático.

Os personaxes da traxedia ática foron amplamente estudados desde perspectivas nas que, a miúdo, as súas palabras e actos explícanse a partir das nosas nocións modernas sobre a mente humana e a personalidade, e desde valoracións éticas e xuízos morais alleos á Grecia clásica. Rescatando a Helena proponse contemplar a caracterización de Helena na traxedia homónima de Eurípides desde unha perspectiva na que a intelixibilidade humana do personaxe non procede do suposto descubrimento da súa conciencia interna ou da súa psique individual, senón da adecuada subordinación da caracterización de Helena á acción da obra na que dita caracterización está organicamente integrada. No canto de illar ao personaxe do contexto dramático ao que pertence, coma se estivese dotado dunha identidade idiosincrática, esta monografía non tenta descubrir quen é realmente Helena lendo entre liñas por baixo da superficie textual, senón como as súas palabras e accións logran conmover eficazmente ao auditorio orixinal da obra.

Fronte ás nosas lecturas eruditas e reflexivas dos textos conservados, os espectadores do século V a. C. acudían ao Teatro de Dioniso para ver e oír as accións e as palabras dos personaxes tráxicos dentro dun espectáculo máis amplo que incluía música e danza. É dicir, a traxedia ática era ante todo unha experiencia emocional, non unha ocasión para a introspección psicolóxica ou a reflexión filosófica.