Congreso Ganimedes
No marco do IX Congreso da Asociación Ganimedes, que se está celebrando en modalidade virtual, con sede na Fundación Pastor de Madrid, a investigadora en formación Eleonora Giunchi presentou unha comunicación na que se examina o desenvolvemento da imaxe do lume baixo a cinza na literatura grega. Tras reflexionar sobre a súa relación co concepto de μῆτις en época arcaica e clásica, centrouse a atención nas variacións semánticas da imaxe en época helenística: dende a transposición en contexto erótico ata o carácter case proverbial que asume no período helenístico tardío. En particular, destacouse a relevancia dalgúns textos de época helenística que parecen ter actuado como mediadores na evolución dos significados metafóricos da imaxe e na súa adaptación a xéneros profundamente diferentes.