Tesis_Julia_Hombre

O venres 13 de novembro de 2026 celebrouse a defensa pública da tese de doutoramento de Julia Hombre Iglesias, titulada “E esta foi a voz profética que pronunciei. A mántica nas Dionisíacas de Nono de Panópolis” e dirixida polo Profesor Ángel Ruiz Pérez. A tese de doutoramento defendeuse ante un tribunal presidido por David Hernández de la Fuente, Catedrático de Filoloxía Grega na Universidade Complutense de Madrid, e do que formaron parte Ramiro González Delgado, Profesor Titular de Filoloxía Grega na Universidade de Estremadura, e María Teresa Amado Rodríguez, Profesora Titular de Filoloxía Grega na Universidade de Santiago de Compostela.

O tribunal concedeu por unanimidade á tese de doutoramento a cualificación de “Sobresaínte cum laude”.

Na súa investigación, Julia Hombre realiza unha exhaustiva análise da presenza da mántica nas Dionisíacas, un poema épico tardoantigo composto por Nono de Panópolis. A través dunha lectura meticulosa da obra e da tradución dunha selección de pasaxes, presta especial atención ao papel que xogan os oráculos, agoiros e outros elementos mánticos na narración dos acontecementos da obra, co obxectivo de destacar a súa importancia como recurso narrativo, a través do cal o autor impregna a súa obra cun maior dinamismo e cor mediante a continua anticipación argumental presente no relato. Á súa vez, destaca a notable influencia que os autores clásicos e a tradición grecorromana tiveron na obra de Nono, particularmente Homero. Isto permite contextualizar a obra neste período tardoantigo, no que tivo lugar unha amalgama entre o vello mundo pagán e o nacente mundo cristián, cristalizada na narración das Dionisíacas.

.